Cando escoitou os berros dos perseguidores a pregoar o seu nome polas rúas, entroulle o pánico; non quería volver, nin por todo o ouro do mundo, a aquela prisión ambulante do carromato de feira, un galpón máis propio das bestas do monte que de seres con alma…
Nun arrouto desesperado, procura acubillo nun cine, tratando de disimular a desmesura do seu corpo no recuncho máis arredado do patio de butacas.
A pesar do medo, non pode evitar o engado da pantalla.
Aparece unha rapaciña á beira dun lago e un home enorme que se lle vai achegando desde o bosque; el ten o rostro esbrancuxado, mais a nena semella non se asustar, acólleo, convídao a botaren xuntos margaridas na tona da auga… un enredo infantil… pero o monstro perde a calma e deixa caer o corpo da pequena na corrente como unha flor… Ela afoga.
E, de súpeto, naquel rostro deforme, o xigante de Magarelos descobre que os ollos da criatura son un espello dos seus.

















- 